Sunday 28 de April de 2024

O ‘I Trail Concello de Miño’ disputarase o 5 de setembro polas parroquias de Bemantes, Callobre e Miño


• O evento está organizado polo Concello e o Club de Trail- Running Galea. Conta, ademais, co patrocinio da Xunta de Galicia.

• Os participantes poderán acceder a tres percorridos de diferentes lonxitudes e dificultade e pasarán por lugares emblemáticos como a Capela de San Ramón, o Muíño de Boucelo ou Ponte do Porco.

• As inscricións estarán abertas en www.carreirasgalegas.com ata o próximo 31 de agosto.

O Concello de Miño acaba de presentar o ‘I Trail Concello de Miño. Boucelo – San Ramón. Ou teu Xacobeo en CaMiño’ que se celebrará o próximo 5 de setembro. O evento conta coa organización do Concello e o Club de Trail- Running Galea, ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través da súa campaña de promoción do Xacobeo 21-22.

O acto de presentación, que tivo lugar esta mañá no Muíño de Boucelo, contou coa participación da secretaria territorial da Delegación da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez; o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo; o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín; e dous representantes do Club Galea.
Para Manuel Vázquez Faraldo esta proba é “ unha oportunidade moi grande para todos vos e as deportistas porque non só coñecerán unha roteiro espectacular se non que tamén unhas paisaxes e zonas de Miño que poden ser descoñecidas para moitos”.

Patricia Rodríguez destacou que Miño “ conta cuns espazos naturais envexables para unha proba destas características” e mostrouse convencida de que esta “será a primeira edición de outras moitas”.
Esta primeira edición do Trail contará con tres percorridos de diferentes lonxitudes e metros de desnivel. A andaina constará de 7,8 quilómetros, o trail curto chegará aos 16,7 e o traxecto máis longo terá 27,64 quilómetros de longo. Os participantes pasarán por lugares emblemáticos como a Capela de San Ramón, o Muíño de Boucelo ou Ponte do Porco.

As inscricións estarán abertas na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o próximo 31 de agosto.